Monday 01 de July de 2024

O Goberno municipal reforza as medidas de inclusión social cunha nova ordenanza


O Concello de Oleiros ten regulamentado distintos recursos para facer fronte a situacións de desprotección que non son cubertas por ningunha outra administración pública. Para acadar unha maior fortaleza e axilidade de resposta na cobertura das necesidades básicas dos veciños e veciñas de Oleiros, o Goberno municipal vai aprobar unha nova ordenanza de medidas de inclusión social no próximo pleno municipal, para facer fronte á forte inflación vivida nos últimos anos.

Entre outros cambios, esta nova ordenanza contempla un incremento das prestacións económicas e un aumento das axudas e descontos por aluguer ou hipoteca. Así mesmo, increméntanse as contías das medidas de apoio na alimentación e na hixiene persoal e doméstica en todas as súas modalidades.

En todos os casos, as axudas económicas van estar referenciadas en base ao IPREM, con distintas porcentaxes. Tamén se terá en conta o número de persoas integrantes da unidade familiar.

Nas prestacións de apoio ao comedor escolar, mantense o pagamento do 100% ás familias en graves dificultades económicas. Ademais, haberá bonificacións do 60% e do 40%, en función dos ingresos da renda familiar.

Na articulación de todas as medidas tamén se considera fundamental traballar a prol de apostar por respostas cada vez máis dignas, respectuosas e menos estigmatizantes para a poboación, sendo o obxectivo que a oferta se produza nun contexto de confianza mutua, diálogo e apoio coa administración e cos equipos profesionais que teñen encomendada esta tarefa.